miércoles, 22 de junio de 2011

Czech Republic: a road trip (II)

Mais a verdadeira tolemia, si, chegou con Dresden, a Praga alemá. Seduciunos á primeira vista nada máis sacou as súas armas de muller. Edificios impoñentes cheos de historia divididos polo Elba e avenidas inmensas surcadas por trams e bicicletas. E na zona nova, o delirio. Graffitis, cores, fontes, kebabs interminables que se estenden ata o almorzo... Malia os mil bares, a cada un máis acojonante, todo o mundo bebendo nos portais, enchendo a rúa. Tradición local, seica. E pra nós a noite prometía ser longa: con todos os hostais tan completos como as rúas só nos quedaba durmir no coche. 

Así que empezamos fumando a noite con sabor a mango nun bar de shisha. Logo seguiu o garaxe rock escondido entre árbores de luces, o húmido modernismo dun bar descunchado e un grupo de alemáns surrealistas, como recén saídos de película americana. Como o sol xa ameazaba con saír, decidimos pechar a noite cun White Russian no Big Lewovski de Dresden. E nada máis saír apareceron os colegas americano-alemáns para darnos as boas noites.

Dresden ten unha igrexa das mulleres, a Frauenkirche, e un corazón de cuarzo marcando a coxuntura dos planetas. Cada un dá un consello esculpido en letras douradas. Como en Praga, ou Compostela, tamén hai música en todos os recunchos. Os alemáns non se enfadan se lles contestas espontaneamente en checo, como Idoia. Son máis abertos e, segundo Matjaz, todos son músicos nalgunha banda de rock. E a única mágoa que me queda é que a batería da cámara se colapsase ante tanta beleza, e que por iso un baleiro fotográfico engule as mil instantáneas que teríamos sacado. Mais supoño que iso é tamén unha razón (máis) para volver...

A fin da viaxe, despois do desgaste en terras alemás, foi breve pero intenso en quilómetros. En Karlovy Vary matamos o veleno do McDonalds bebendo auga termal con sabor a ferro quente, mais cargada (seica) de saúde e minerais. Saúde daría, pero o sabor de boca animaba máis a volver ó elixir insano da Becherovka, bebida local que empezou como dixestivo e rematou como chupito estrela de todos os bares. A chuvia espantounos, outra vez, cara a derradeira cidade checa, Plzen, coñecida por ser sede (nunca mellor dito) da fábrica de cervexa Pilsner Urquell. Alí vagamos sen rumbo por unha estraña feira medieval onde todo o pobo   se disfrazara de meigas, zombies, soldados, princeasas e mesmo conejitas de playboy. Os checos sempre foron moito de pastiche, reciclaxe e amalgama. 

E amalgama vai ser tamén o calidoscopio de lembranzas que fomos construíndo ó longo da viaxe. Supoño que cando a morriña asalte, agora que xa acabou todo, só hai que voltar a vista atrás, mirar polo retrovisor, e deixar que a paisaxe da República Checa e as súas xentes inunden a vista. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario