jueves, 16 de junio de 2011

Czech Republic: a road trip (I)

Acabo de aterrar dunha viaxe en coche arredor de toda a República Checa. Navarra, Eslovenia e Galicia surfeando o aire das estradas checas, con chuvia e cervexa de gasolina, con guitarra e piano de banda sonora. "Because in five years time, I may not know you..." aproveitamos para vivir o sol de cada momento só pra poder lembralo despois. E ben seguro que recordaremos unha chea de cousas nesta pequena tolemia que foi o broche do Erasmus.

A treboada en Telč, o medo reflectido no lago cando nos abordou aquel estraño preguntando por droga, o piano daquel edificio de Brno, ou como a tarántula e os dragóns decoraban o loft do colega skater, tan aberto e experto en licores. Respiraremos non para vivir senón para lembrar o cheiro daquela tarde no lago de Máchóvo Jezero e o sabor daquel baño morno. Dende logo, a partir de agora miraremos sempre entre a area da praia por se aparece un móbil perdido que nos traia cervexas como recompensa. E a noite empezou esquivando hernas na busca da última cervexa e acabou saboreando licorca na terraza con estrelas daquela pensión surrealista, kitsch e de estraños donos. 

Respiraremos para lembrar tamén České Švýcarsko (a Suíza Checa), o goulash fronte ós cumes ou como nos perdimos ó buscar o castelo invisible de Šaunštejn, que algún día debeu estar encaramado nesas impoñentes rochas. Pola ventanilla do coche, que, si, era vermello, descubrimos como é posible que unha aldeíña perdida na fronteira con Alemaña sexa a exacta definición de "curriño". 

E a tolemia de Dresde... merece capítulo a parte. 
(Continuará) 

No hay comentarios:

Publicar un comentario