Espertar unha mañá e sentir que o sol che quenta os ollos, inda que sexa cedo, inda que as cortinas se esforcen en filtrar (nunca con moito éxito) as febles raiolas de luz que petan na miña fiestra cada día. Amasar nas pálpebras, erguerse e cavilar se foi o espertador ou os paxaros, se inda estou soñando ou é certo que Praga se vestiu de amarelo e azul intenso.
Cando a claridade bica as rúas, a cidade cambia por completo. Semella outra. Máis amable, sorrinte. Mesmo a expresión da xente é distinta, ás veces mesmo pequenas curvas ascendentes se debuxan nos beizos daqueles que miran a ningures desde os asentos do tranvía. Os checos son coma os ovos de Pascua que adornan agora as árbores, o bo tempo pinta cores na súa cáscara-coraza, de modo que se lle adonda a mirada e relaxan os músculos da cara, ata ser incluso capaces de dicir un Dobrý den! con acento de chocolate. O número de camiñantes que mira cara arriba duplica ós que miran cara abaixo. O desxeo das últimas neves coincide co desxeo da xema dos praguenses.
E así, é incrible percorrer o camiño de sempre á beira do río para ir a clase e decatarse de que o verde en realidade forma parte da paleta de cores da cidade. Percorrer coa mirada Petřín e o parque do Letná baixo o castelo, a ponte de Carlos, e sentir o aire medieval que reflicten todos os documentais sobre Praga. Alguén toca a trompeta dende o alto da torre do reloxo, marcando o inicio dos mercadillos tradicionais en Staroměstská e a hora xa de mergullarse nunha película de Antonioni.
Si, seica chegou a Primavera vestir as árbores con cintas de cores. E mentres as terrazas agroman coma caracois para sacar as mesas ó sol, nós navegamos nunha pedaleta polo Moldava. E así, tan pretiño da auga, a felicidade semella esa sensación de abranguer coa vista tanta beleza que os ollos medran e é imposible dicir ren. Agora que o tempo escapa en metro cara o fin de liña, cada vez aprecio máis eses momentos nos que son plenamente consciente do afortunada que son estudando aquí, rodeada desta xente, nunha das cidades máis bonitas do mundo, facendo o que me gusta e enchoupándome de vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario