lunes, 31 de enero de 2011

Eslovaquia Tá(n)trica

E encher os pulmóns de neve, e respirar fondo o monte enteiro en cada alancada, e a enerxía toda concentrada no seguinte paso, na seguinte rocha, no seguinte milímetro que leva ó cimo. 
Ás veces fai falta perderse para atoparse e non pensar para poder pensar. 
E a ledicia pode consistir tan só en asolagar os ollos de claridade, respirar en espiral, e deixar que o sorriso prenda nese rincón húmido que conecta peito e cabeza e estale de improviso nos beizos.


Déixao estar, non preciso de príncipes,
que son unha muller con porteiro automático,
con libros absorventes como o papel de cociña
do anuncio ese que odio.


Que son unha muller con fotocopias,
con teléfonos que nunca teño a man cando soan,
con chamadas perdidas múltiples
e con chaves tamé perdidas no fondo do mar
para que non as atopemos nunca.


(Berta Dávila, dentro)



E as chaves de tódalas miñas portas e preguntas... só as podo atopar eu.

martes, 11 de enero de 2011

"Abro os ollos e renace Praga"

Hoxe dediquei a primeira ollada do ano ó castelo de Praga, alá no cimo de Malá Strana, na outra beira do río. Sorrín. E de súpeto reparei en que, dentro dun mes, seis personiñas máis o estarán contemplando comigo. E iso fíxome sentir seis veces máis feliz. 

As pizzas de Národní Třída están máis ricas ca nunca, o desxeo volve deixar ó descuberto a beleza das rúas e estes pequenos momentos de optimismo compensan a angustia ante o derradeiro exame. 

Teño a impresión de que, a partir deste mércores, a miña vida na capital do Moldava vai crecer e cambiar.



 
(Esperemos que para ben...) 

domingo, 2 de enero de 2011

Hotel Tívoli

"-Afranio, tu taxi huele fatal a tabaco...
-No, perdona pero no huele a tabaco. El taxi huele a libertá. Y te voy a comentar un detalle. Si fumo en el taxi no es por gusto. Porque a mí tampoco me gusta la peste que deja, que pasa, soy tonto? no, no soy tonto yo... Yo fumo por ética! El único sitio donde puedo hacer lo que quiera es mi taxi. Así que fumo! Fumo como símbolo de mi... de mi libertad, de mi independencia... un poco también por joder, también, no digo que no... y de paso, marco mi territorio.
- Los leones orinan para marcar su territorio, sabías?
- Pues esssacto, como los putísimos leones! Es más, si me prohibieran fumar en el taxi mearía en el puto taxi, porque el taxi es mío, y en lo mío mando yo y os vais todos a tomar por el culo, hombre no!!"

Hotel Tívoli (Antón Reixa, 2007)

Entra en vigor la ley antitabaco. A partir de este domingo está prohibido fumar en todos los espacios públicos cerrados y en algunos al aire libre, como parques y lugares de ocio infantil, colegios y recintos hospitalarios
...(Feliz año!)

viernes, 17 de diciembre de 2010

STRESS!!!!

Dúas semanas, 14 días,
6 traballos, 3000 palabras cada un
7 horas de sono por día
...
para todo lo demás, Mastercard ¬ ¬

P.D. e a min seguen sen saírme as contas, só quero que desaparezan todas esas cifras e berrar para espantar a presión na cabeza, só quero unha calada de licor café, un chupito de adrenalina e zapatos novos para gastar a primera noite que pise Galicia

domingo, 12 de diciembre de 2010

FLASHBACK 1. Cor: branco

SECUENCIA 1º- INT/DÍA- "Viaxe en tranvía por unha mañá nevada"

Erguerse cedo. Demasiado cedo para ser Erasmus. Demasiado cedo mesmo sen ser Erasmus (Demasiado cedo, en todo caso). Intentar espabilarse coa sintonía da ducha e o secador. Baixar sete pisos andando porque, cousa rara, o ascensor non funciona. 

Saír á rúa e comprobar que está nevando “como si no hubiera mañana”. Pensar na pertinencia dun limpaparabrisas para as gafas, e na futura necesidade de volver lavar o pelo (outra vez). Observar con asombro que os abrigos checos son inmunes á neve, mentres que o meu non para de cubrirse cada vez máis de folerpas. E de novo o ritual de agardar ó tram.

Pensar que ós pasteleiros de aló arriba se lles foi a man co azucre, que xa abonda, que Praga parece unha desas tortas con conglomerado de azucre glasé e nata decorando ríxido a superficie. Praga é daquela a cidade sumerxida, oculta baixo a mesta capa do Inverno. (E digo oculta porque realmente a neve tapa toda a súa beleza, o color antigo dos edificios, a calidez dos parques, todo se torna cegadoramente branco).

Quedar coa mirada perdida mentres desfila ante min un sinfín de rúas igual de brancas, coa mesma xente cabizbaixa facendo o imposible por non dar un paso en falso (funambulistas de cidade). Algunhas rúas están cortadas por se algún dos carámbanos que penduran dos edificios se precipita na cabeza dalgún inocente viandante.

Saír do tranvía e decatarse do engañadora que é a metáfora, do pouco poéticos que son os charcos de barro e lama e neve marrón augaxada. O barro é a cara oculta da neve. Pero iso nunca sae nas postais navideñas. 
 
Por fin, alcanzar o destino. Chegar tarde á proxección da película, facer acopio de cafeína para alimentar as pálpebras, mergullarse no útero escuro da pantalla mentres, aló afóra, a cidade segue a encherse de luz.

viernes, 10 de diciembre de 2010

Primeira misiva dende as beiras do Moldava


Sei que sempre falei en flashbacks. Será, supoño, deformación profesional, mais nunca fun quen de contar unha historia como dios manda, de principio a fin, sen interrupcións. Sempre teño que volver atrás, a algún punto esquecido da historia. Co cal os meus “relatos” acaban parecendo máis un bucle caótico de palabras que un enunciado con xeito. Certo é que son ben desordenada, supoño que iso tamén se nota á hora de organizar palabras.

Así que isto empezará sendo unha recopilación de historias xa vividas, un caixón desastre do que irei sacando aleatoriamente anécdotas, impresións apuntadas en servilletas, anacos escritos do caderno... E digo empezará porque agardo meter en cintura algún día as palabras que me exceden (meter en cintura, curiosa expresión. Non me gusta a idea de asfixiar palabras, quédome coa metáfora visual do corpo. Quero que os meus textos teñan curvas coma as mulleres de verdade). Mais levarame tempo abandonar os flashbacks e escribir en presente todos os fotogramas que me suceden este ano.

Porque si, o caso é que este ano estou de Erasmus. E tiven a sorte de aterrar nunha das ciudades máis incribles de Europa: Praga, a Compostela centroeuropea (ó igual que Santiago, Praga tamén é máxica e engaiolante). A cada rúa unha sorpresa, un recuncho novo que fai abrir os ollos moito e sorrir á máxima apertura. A cada día unha experiencia, resultado do cóctel explosivo de novas xentes, novos ambientes, novas historias. A cada mes un crecemento interior que vai desbordando a pel a través dos poros. Por iso me “sobran” tantas palabras, e por iso me vexo na necesidade de fixalas en papel (ou tinta electrónica, cousas da modernidade) antes de que morran despronunciadas no aire. Ás veces síntome unha Rosalía desnortada, e quizais o meu amor a ela foi o que me levou a comezar o meu propio "En las orillas del Sar".

Sempre fun de engancharme tarde ás modas, e isto do blog píllame un pouco en cueiros. Tamén é certo que xa eran horas de ir empezando, con 3 meses praguenses que levo á espalda.  Digamos que necesitaba un pequeno empurrón, e unha man amiga que me enchera de ánimos (gracias, cousiña). Irei alternando galego e castelán nas entradas (non, tranquilos: o Erasmus non me fixo adherirme a ningún grupo estraño deses que “florecen” tanto nestes días por desgracia); é que hai xente por estes lares que sei que me quere ler, e o Google Translate é unha solución un tanto incordiosa (inda que ás veces ben útil. xa falarei diso). E dito isto, penso que non me queda máis nada no tinteiro...

queda aberta a caixa de Pandora.
http://www.youtube.com/watch?v=VTrFo1EguzU