domingo, 18 de septiembre de 2011

Un ano á beira do Moldava

Seica onte fixo un ano da miña chegada á terra da cervexa e o gulash, alá no medio de Centroeuropa. O Facebook é unha ferramenta utilísima para lembrar este tipo de efemérides, sobre todo para unha despistada coma min. O meu muro está cheo de comentarios nostálxicos daqueles que emprenderon canda min esa viaxe ó descoñecido e ó excitante que é o Erasmus, e que supón, por moito que aborreza incorrer nos tópicos, un antes e un despois na vida do estudante afortunado que o vive. E como eu teño de morriñenta o mesmo que de despistada, súmome tamén a dita elexía. E digo elexía porque, desgraciadamente, hoxe é día de lembrar un ano que finou, un ano que, de tan intenso, sorprende que se consumira tan á velocidade do lóstrego.

Normal que me esquecera da data. Paréceme incrible que xa pasara un ano dende que cheguei por primeira vez á beira do Moldava. Agora, mentres vexo como rompe o Atlántico en Riazor, boto a vista atrás e atropélanseme os recordos que vivín nesa cidade engaiolante que é Praga. Non é momento por suposto de citalos todos, por iso de aforrar espazo (que sería moito) e bágoas (que tamén serían moitas).

Só direi que foi un ano para vivir, para vivir moito, e para lembrar despois. Un ano que me cambiou e que non me canso de compartir e alentar a outros para que intenten vivilo tamén. Noutra cidade, con outras xentes. Supoño que cambiar Praga por Avignon, París ou Berlín en realidade non significará moito. Mais eu sígome sentindo afortunada de ter respirado precisamente o aire checo, a cidade máis marabillosísima das que vin ata o momento. E o listón xa quedou moi alto. 

Por iso agora penso que o mellor será ir construíndo outros recordos en lugar de vivir dos vellos. Seguirei compartindo flashbacks das miñas experiencias por Europa adiante, mais múdome de maneira estable a outros lares. Atoparédesme en Abro paréntese a partir de agora. Non pecharei, iso si, esta ponte, sigo tendo medo a pechar portas e fiestras. Sóq ue non me gusta vivir entre dúas augas, as do Miño, e as do Moldava.