sábado, 28 de mayo de 2011

Un ruso en Nova Iork, ou historias do couchsurfing

Escribo desde Zanzibar, esquina Americká.
Onte marchou do noso piso Pavel (Pasha para os amigos e Paul para os americanos), e desde aquela inda estou remoendo todas as historias que nos contou, propias da mellor película de ficción.

Pavel é unha mestura entre a herdanza soviética e o soño americano. Naceu en Moscova e ós oito anos mudouse coa familia ós benditos United States. Amoblou o piso familiar no barrio de Brooklyn (Nova Iork) coa súa lingua rusa apresuradamente aprendida e as contradicións de asentarse no "bloque inimigo". Mais Pavel deu en medrar conservando as dúas culturas. De Nova Iork di que odia as rúas cuadriculadas, milimetrica e impersonalmente numeradas.

O seu avó era un importante produtor de cine soviético. Cando morreu, a súa avoa casou outra vez cun héroe ruso da segunda guerra mundial. Como condecoración polos seus servizos, o Partido Comunista fíxolle o máis surrealista dos regalos: unha casa nunha aldea secreta no medio de Siberia, chamada "(...impronunciable) 47". Rodeada por muros e de localización descoñecida, só se podía acceder a ela por parentesco. E alí, agochada de toda civilización, a cidade mesma era un laboratorio de probas con Uranio. Por outra parte, súa nai é directora da sucursal en Nova Iork dunha das máis importantes aerolíneas Ucranianas. E grazas a iso, el ten billetes de avión gratis cando goste, único límite 5 veces ó ano. Pra completar o calidoscópico crebacabezas, el vende maría. Mais di ter un sexto sentido á hora de recoñecer a bondade e maldade da xente, e só vende ás primeiras por moral; "se fas unha cousa debes facela ben". Ten estado unha noite no cárcere ou involucrado nunha detención con 4 coches de policía, unha noite nun apartado barrio da cidade. Pero a súa intención é só facer feliz ´á xente e, iso si, nunca timar nin enganar.

O certo é que, ós seus 23 anos, penso que é a persoa con máis iniciativa e traxectoria vital que coñezo. Logo de rematar enxeñería acústica estivo un ano traballando no coñecido selo Universal, mais sen cobrar. Malia a boa relación cos compañeiros, decidiu buscar un soldo pra poder independizarse. Tres meses nun supermercado, outros tres en Vodafone. Despois de 3 días de entrenamento intensivo, fano responsable executivo da tenda. Controlaba todo menos as facturas, tiña visión, organización e iniciativa. E alí pasou seis meses, plenamente dedicado ó seu traballo e disfrutando cada vez máis iso de ser home de negocios. Mais de repente xurdiu algo que fixo tremer o seu chan. A súa moza, primeiro e único amor, morreu de cancro cerebral. E el xa non conseguiu ánimo pra ir todos os días traballar. Un inmenso tatuaxe (froito da bondade gratuíta dun tatuador brasileiro que coñeceu xogando ó fútbol) percorre o seu peito cunha imaxe da grandeza do universo e a volatilidade do home. A cara dela é o sol. Agora o único que Pasha quere facer é abrir unha tenda de zapatos. Despois de estar traballando tamén por un tempo nunha, teno todo claro. Montar o seu propio negocio. E se lle preguntas por que, despois de toda a súa formación e oportunidades respóndeche cun: -"Zapatos? nonsei, simplemente adoro os zapatos".

viernes, 20 de mayo de 2011

#acampadapraga

Praza Wenceslao, 20h

Baixo a estatua do cabalo, un grupo crecente de mozos repartindo octavillas a outro tamén crecente de curiosos. Non son os maios nin as coplas do entroido, desta vez trátase dun manifesto en prol dunha democracia de verdade, dunha Democracia Real Xa.

Como en moitas cidades europeas, reunímonos pra apoiar as acampadas que estes días están ateigando Sol e demais prazas principais de España. Resulta curioso informarse destas accións desde o estranxeiro, e ver como, mentres na prensa española caro costou acadar un mínimo de visibilidade, desde a prensa internacional xa igualan as manifestacións ás que derrotaron o réxime de Mubarak en Exipto. Por iso non nos quixemos conformar con darlle a "me gusta" no Facebook. Non podemos estar alí pra encher os poucos recunchos que quedan en Sol pero queremos que se faga visible o noso apoio desde (e cara ó) centro de Europa.

Os berros tronaron máis que os alustros que caerían sobre nós máis adiante. Subidos ó pé do cabalo, o manifesto en castelán, inglés e checo, froito dunha tradución improvisada. E ten narices que por culpa dos lóstregos a nosa fose unha acampada relámpago, que pingas densas de auga amoleceran as pancartas... Mais a sentada continuou baixo os cimentos da praza, nunha asemblea improvisada á entrada do metro de Muzeum. Alí sucedéronse propostas, opinións, risos, decisións, e chamadas á acción. Ágora aberta. E de entre todas elas, unhas palabras en castelán con acento checo puxéronme a pel de galiña. Era unha muller de aspecto fráxil quen, pausadamente pero cunha forza impensable, dicía algo así como:

 "Admiro as manifestacións que os españois estades facendo para loitar contra este capitalismo que nos mentiu a todos. Nós aquí tamén loitamos contra o comunismo, e rematamos pasando directamente del ó capitalismo e á democracia. Mais, que conseguimos? un capitalismo que nos devoraba. Nós non tivemos tempo de facernos ricos entre medias, coma vós. Para nós a democracia é algo novo, ó que non nos acostumamos e que, moitas veces, nin é real. Por iso hai moita xente que pensa que non hai solución intermedia, que nada é posible. Por favor, salide á rúa e ensinádelle á xente que é posible cambiar as cousas, a vosa revolución non é un problema só de España, é algo que afecta a toda Europa, e de verdade que lle encenderiades o corazón e lle dariades ánimos as todas estas persoas desilusionadas que, coa vosa axuda, conseguirían levantar por fin o ollar."

Esperemos que estas non sexan as últimas novas desde a praza

sábado, 7 de mayo de 2011

Maio das letras

Hoxe vai ser un bo día. Hoxe descubrín un poema de Pilar Pallarés que non coñecía. Para maior ledicia, musicado. E para aínda máis motivo de alegría, unha páxina que ofrece a recopilación de (case) toda a poesía galega musicada, dende a idade media até a actualidade. (http://sondepoetas.blogspot.com/)

Hoxe (re)descubrín que a unión de versos e corcheas é un dos mellores remedios para o estrés cando o cerebro se afunde na negrura.

Impre(ci)sión. Pilar Pallarés


sentada no café
mentres espero
e a espera é xa unha inércia sen contornos
que me leva a ningures
sentada aqui -- sen nada
mentres morre un home
falsamente
nunha horrível fita americana
sobre os anos cuarenta
e un soldado abraza unha enfermeira
cos labres incrivelmente ben pintados
en plena guerra
no teito do café rebulen catro moscas
soa fora unha canción tan triste
tras a xanela da pensión máis próxima
estudan pálidas rapazas
medran acensalis nas fendas
das pedras conventuais
e a señardade
é agora tan fosca -- tan espida a certeza
de ser todo un erro irremediável
de alguén
que non existe
(http://sondepoetas.blogspot.com/2007/10/imprecisin.html)