sábado, 28 de mayo de 2011

Un ruso en Nova Iork, ou historias do couchsurfing

Escribo desde Zanzibar, esquina Americká.
Onte marchou do noso piso Pavel (Pasha para os amigos e Paul para os americanos), e desde aquela inda estou remoendo todas as historias que nos contou, propias da mellor película de ficción.

Pavel é unha mestura entre a herdanza soviética e o soño americano. Naceu en Moscova e ós oito anos mudouse coa familia ós benditos United States. Amoblou o piso familiar no barrio de Brooklyn (Nova Iork) coa súa lingua rusa apresuradamente aprendida e as contradicións de asentarse no "bloque inimigo". Mais Pavel deu en medrar conservando as dúas culturas. De Nova Iork di que odia as rúas cuadriculadas, milimetrica e impersonalmente numeradas.

O seu avó era un importante produtor de cine soviético. Cando morreu, a súa avoa casou outra vez cun héroe ruso da segunda guerra mundial. Como condecoración polos seus servizos, o Partido Comunista fíxolle o máis surrealista dos regalos: unha casa nunha aldea secreta no medio de Siberia, chamada "(...impronunciable) 47". Rodeada por muros e de localización descoñecida, só se podía acceder a ela por parentesco. E alí, agochada de toda civilización, a cidade mesma era un laboratorio de probas con Uranio. Por outra parte, súa nai é directora da sucursal en Nova Iork dunha das máis importantes aerolíneas Ucranianas. E grazas a iso, el ten billetes de avión gratis cando goste, único límite 5 veces ó ano. Pra completar o calidoscópico crebacabezas, el vende maría. Mais di ter un sexto sentido á hora de recoñecer a bondade e maldade da xente, e só vende ás primeiras por moral; "se fas unha cousa debes facela ben". Ten estado unha noite no cárcere ou involucrado nunha detención con 4 coches de policía, unha noite nun apartado barrio da cidade. Pero a súa intención é só facer feliz ´á xente e, iso si, nunca timar nin enganar.

O certo é que, ós seus 23 anos, penso que é a persoa con máis iniciativa e traxectoria vital que coñezo. Logo de rematar enxeñería acústica estivo un ano traballando no coñecido selo Universal, mais sen cobrar. Malia a boa relación cos compañeiros, decidiu buscar un soldo pra poder independizarse. Tres meses nun supermercado, outros tres en Vodafone. Despois de 3 días de entrenamento intensivo, fano responsable executivo da tenda. Controlaba todo menos as facturas, tiña visión, organización e iniciativa. E alí pasou seis meses, plenamente dedicado ó seu traballo e disfrutando cada vez máis iso de ser home de negocios. Mais de repente xurdiu algo que fixo tremer o seu chan. A súa moza, primeiro e único amor, morreu de cancro cerebral. E el xa non conseguiu ánimo pra ir todos os días traballar. Un inmenso tatuaxe (froito da bondade gratuíta dun tatuador brasileiro que coñeceu xogando ó fútbol) percorre o seu peito cunha imaxe da grandeza do universo e a volatilidade do home. A cara dela é o sol. Agora o único que Pasha quere facer é abrir unha tenda de zapatos. Despois de estar traballando tamén por un tempo nunha, teno todo claro. Montar o seu propio negocio. E se lle preguntas por que, despois de toda a súa formación e oportunidades respóndeche cun: -"Zapatos? nonsei, simplemente adoro os zapatos".

viernes, 20 de mayo de 2011

#acampadapraga

Praza Wenceslao, 20h

Baixo a estatua do cabalo, un grupo crecente de mozos repartindo octavillas a outro tamén crecente de curiosos. Non son os maios nin as coplas do entroido, desta vez trátase dun manifesto en prol dunha democracia de verdade, dunha Democracia Real Xa.

Como en moitas cidades europeas, reunímonos pra apoiar as acampadas que estes días están ateigando Sol e demais prazas principais de España. Resulta curioso informarse destas accións desde o estranxeiro, e ver como, mentres na prensa española caro costou acadar un mínimo de visibilidade, desde a prensa internacional xa igualan as manifestacións ás que derrotaron o réxime de Mubarak en Exipto. Por iso non nos quixemos conformar con darlle a "me gusta" no Facebook. Non podemos estar alí pra encher os poucos recunchos que quedan en Sol pero queremos que se faga visible o noso apoio desde (e cara ó) centro de Europa.

Os berros tronaron máis que os alustros que caerían sobre nós máis adiante. Subidos ó pé do cabalo, o manifesto en castelán, inglés e checo, froito dunha tradución improvisada. E ten narices que por culpa dos lóstregos a nosa fose unha acampada relámpago, que pingas densas de auga amoleceran as pancartas... Mais a sentada continuou baixo os cimentos da praza, nunha asemblea improvisada á entrada do metro de Muzeum. Alí sucedéronse propostas, opinións, risos, decisións, e chamadas á acción. Ágora aberta. E de entre todas elas, unhas palabras en castelán con acento checo puxéronme a pel de galiña. Era unha muller de aspecto fráxil quen, pausadamente pero cunha forza impensable, dicía algo así como:

 "Admiro as manifestacións que os españois estades facendo para loitar contra este capitalismo que nos mentiu a todos. Nós aquí tamén loitamos contra o comunismo, e rematamos pasando directamente del ó capitalismo e á democracia. Mais, que conseguimos? un capitalismo que nos devoraba. Nós non tivemos tempo de facernos ricos entre medias, coma vós. Para nós a democracia é algo novo, ó que non nos acostumamos e que, moitas veces, nin é real. Por iso hai moita xente que pensa que non hai solución intermedia, que nada é posible. Por favor, salide á rúa e ensinádelle á xente que é posible cambiar as cousas, a vosa revolución non é un problema só de España, é algo que afecta a toda Europa, e de verdade que lle encenderiades o corazón e lle dariades ánimos as todas estas persoas desilusionadas que, coa vosa axuda, conseguirían levantar por fin o ollar."

Esperemos que estas non sexan as últimas novas desde a praza

sábado, 7 de mayo de 2011

Maio das letras

Hoxe vai ser un bo día. Hoxe descubrín un poema de Pilar Pallarés que non coñecía. Para maior ledicia, musicado. E para aínda máis motivo de alegría, unha páxina que ofrece a recopilación de (case) toda a poesía galega musicada, dende a idade media até a actualidade. (http://sondepoetas.blogspot.com/)

Hoxe (re)descubrín que a unión de versos e corcheas é un dos mellores remedios para o estrés cando o cerebro se afunde na negrura.

Impre(ci)sión. Pilar Pallarés


sentada no café
mentres espero
e a espera é xa unha inércia sen contornos
que me leva a ningures
sentada aqui -- sen nada
mentres morre un home
falsamente
nunha horrível fita americana
sobre os anos cuarenta
e un soldado abraza unha enfermeira
cos labres incrivelmente ben pintados
en plena guerra
no teito do café rebulen catro moscas
soa fora unha canción tan triste
tras a xanela da pensión máis próxima
estudan pálidas rapazas
medran acensalis nas fendas
das pedras conventuais
e a señardade
é agora tan fosca -- tan espida a certeza
de ser todo un erro irremediável
de alguén
que non existe
(http://sondepoetas.blogspot.com/2007/10/imprecisin.html)

sábado, 23 de abril de 2011

Primavera de Praga

Espertar unha mañá e sentir que o sol che quenta os ollos, inda que sexa cedo, inda que as cortinas se esforcen en filtrar (nunca con moito éxito) as febles raiolas de luz que petan na miña fiestra cada día. Amasar nas pálpebras, erguerse e cavilar se foi o espertador ou os paxaros, se  inda estou soñando ou é certo que Praga se vestiu de amarelo e azul intenso.


Cando a claridade bica as rúas, a cidade cambia por completo. Semella outra. Máis amable, sorrinte. Mesmo a expresión da xente é distinta, ás veces mesmo pequenas curvas ascendentes se debuxan nos beizos daqueles que miran a ningures desde os asentos do tranvía. Os checos son coma os ovos de Pascua que adornan agora as árbores, o bo tempo pinta cores na súa cáscara-coraza, de modo que se lle adonda a mirada e relaxan os músculos da cara, ata ser incluso capaces de dicir un Dobrý den! con acento de chocolate. O número de camiñantes que mira cara arriba duplica ós que miran cara abaixo. O desxeo das últimas neves coincide co desxeo da xema dos praguenses. 

E así, é incrible percorrer o camiño de sempre á beira do río para ir a clase e decatarse de que o verde en realidade forma parte da paleta de cores da cidade. Percorrer coa mirada Petřín e o parque do Letná baixo o castelo, a ponte de Carlos, e sentir o aire medieval que reflicten todos os documentais sobre Praga. Alguén toca a trompeta dende o alto da torre do reloxo, marcando o inicio dos mercadillos tradicionais en Staroměstská e a hora xa de mergullarse nunha película de Antonioni. 

 

Si, seica chegou a Primavera vestir as árbores con cintas de cores. E mentres as terrazas agroman coma caracois para sacar as mesas ó sol, nós navegamos nunha pedaleta polo Moldava. E así, tan pretiño da auga, a felicidade semella esa sensación de abranguer coa vista tanta beleza que os ollos medran e é imposible dicir ren. Agora que o tempo escapa en metro cara o fin de liña, cada vez aprecio máis eses momentos nos que son plenamente consciente do afortunada que son estudando aquí, rodeada desta xente, nunha das cidades máis bonitas do mundo, facendo o que me gusta e enchoupándome de vida.

sábado, 26 de marzo de 2011

De cinema e avións

Non o podo crer. Non ci posso credere!!, como diría Mariella. Veño de estar vendo unha película no aeroporto de Praga.
 
Ben sabía eu da necesidade do cinema de adaptarse a novas formas e novos contextos, que para algo nolo repiten ata a saciedade na carreira (e nos xornais), mais nunca pensara que tal obxectivo se podería cumplir de maneira tan maxistral e exitosa.Unha pantalla enorme despregada na Terminal 2, billete de balde e sen cola de facturación algunha. Amplo espazo para despregar as pernas, luz tenue e posibilidade para todo o mundo de escoller ventanilla (vistas: a noite enchendo de farolas a infraestructrura do aeroporto). Equipaxe de man permitido, e mesmo facilitado polo personal de cabina, a escoller entre copas de champán, viño branco, viño tinto, auga e un surtido de canapés. E todo iso de maneira gratuíta, co fin de disfrutar amenamente dun dos mellores voos da miña vida.

O filme, exemplo tamén de adecuación  ó entorno, vai de avións. A vida surrealista e desanxelada dun operario do aeroporto. Unha nai obsesionada polos problemas do mundo e por mandar axuda humanitaria a Bosnia. Un pai apático que renace grazas a un affaire cunha escultora, recita antigos noticiarios comunistas e salta en parapente. Un antigo amor imposible con altas doses de rareza que resulta ser o máis posible de todos. Unha parella que lle paga ó veciño operario para que os mire foder. Un compositor de música de ascensores que demanda hoteis de todo o mundo por non pagarlle os dereitos de autor. Amores de maniquí, solpores de aeroporto, a soidade, o desamor, e as aspiracións vitais mesturadas co surrealismo checo, ese que deixa un regusto doce no sorriso.

Si. Estiven vendo unha película no aeroporto, mentres cinco copas de champán esvaraban pola miña gorxa. Así, sombreiro e cámara en man.
Así, como só en Praga podía pasar...

lunes, 31 de enero de 2011

Eslovaquia Tá(n)trica

E encher os pulmóns de neve, e respirar fondo o monte enteiro en cada alancada, e a enerxía toda concentrada no seguinte paso, na seguinte rocha, no seguinte milímetro que leva ó cimo. 
Ás veces fai falta perderse para atoparse e non pensar para poder pensar. 
E a ledicia pode consistir tan só en asolagar os ollos de claridade, respirar en espiral, e deixar que o sorriso prenda nese rincón húmido que conecta peito e cabeza e estale de improviso nos beizos.


Déixao estar, non preciso de príncipes,
que son unha muller con porteiro automático,
con libros absorventes como o papel de cociña
do anuncio ese que odio.


Que son unha muller con fotocopias,
con teléfonos que nunca teño a man cando soan,
con chamadas perdidas múltiples
e con chaves tamé perdidas no fondo do mar
para que non as atopemos nunca.


(Berta Dávila, dentro)



E as chaves de tódalas miñas portas e preguntas... só as podo atopar eu.

martes, 11 de enero de 2011

"Abro os ollos e renace Praga"

Hoxe dediquei a primeira ollada do ano ó castelo de Praga, alá no cimo de Malá Strana, na outra beira do río. Sorrín. E de súpeto reparei en que, dentro dun mes, seis personiñas máis o estarán contemplando comigo. E iso fíxome sentir seis veces máis feliz. 

As pizzas de Národní Třída están máis ricas ca nunca, o desxeo volve deixar ó descuberto a beleza das rúas e estes pequenos momentos de optimismo compensan a angustia ante o derradeiro exame. 

Teño a impresión de que, a partir deste mércores, a miña vida na capital do Moldava vai crecer e cambiar.



 
(Esperemos que para ben...) 

domingo, 2 de enero de 2011

Hotel Tívoli

"-Afranio, tu taxi huele fatal a tabaco...
-No, perdona pero no huele a tabaco. El taxi huele a libertá. Y te voy a comentar un detalle. Si fumo en el taxi no es por gusto. Porque a mí tampoco me gusta la peste que deja, que pasa, soy tonto? no, no soy tonto yo... Yo fumo por ética! El único sitio donde puedo hacer lo que quiera es mi taxi. Así que fumo! Fumo como símbolo de mi... de mi libertad, de mi independencia... un poco también por joder, también, no digo que no... y de paso, marco mi territorio.
- Los leones orinan para marcar su territorio, sabías?
- Pues esssacto, como los putísimos leones! Es más, si me prohibieran fumar en el taxi mearía en el puto taxi, porque el taxi es mío, y en lo mío mando yo y os vais todos a tomar por el culo, hombre no!!"

Hotel Tívoli (Antón Reixa, 2007)

Entra en vigor la ley antitabaco. A partir de este domingo está prohibido fumar en todos los espacios públicos cerrados y en algunos al aire libre, como parques y lugares de ocio infantil, colegios y recintos hospitalarios
...(Feliz año!)