viernes, 20 de mayo de 2011

#acampadapraga

Praza Wenceslao, 20h

Baixo a estatua do cabalo, un grupo crecente de mozos repartindo octavillas a outro tamén crecente de curiosos. Non son os maios nin as coplas do entroido, desta vez trátase dun manifesto en prol dunha democracia de verdade, dunha Democracia Real Xa.

Como en moitas cidades europeas, reunímonos pra apoiar as acampadas que estes días están ateigando Sol e demais prazas principais de España. Resulta curioso informarse destas accións desde o estranxeiro, e ver como, mentres na prensa española caro costou acadar un mínimo de visibilidade, desde a prensa internacional xa igualan as manifestacións ás que derrotaron o réxime de Mubarak en Exipto. Por iso non nos quixemos conformar con darlle a "me gusta" no Facebook. Non podemos estar alí pra encher os poucos recunchos que quedan en Sol pero queremos que se faga visible o noso apoio desde (e cara ó) centro de Europa.

Os berros tronaron máis que os alustros que caerían sobre nós máis adiante. Subidos ó pé do cabalo, o manifesto en castelán, inglés e checo, froito dunha tradución improvisada. E ten narices que por culpa dos lóstregos a nosa fose unha acampada relámpago, que pingas densas de auga amoleceran as pancartas... Mais a sentada continuou baixo os cimentos da praza, nunha asemblea improvisada á entrada do metro de Muzeum. Alí sucedéronse propostas, opinións, risos, decisións, e chamadas á acción. Ágora aberta. E de entre todas elas, unhas palabras en castelán con acento checo puxéronme a pel de galiña. Era unha muller de aspecto fráxil quen, pausadamente pero cunha forza impensable, dicía algo así como:

 "Admiro as manifestacións que os españois estades facendo para loitar contra este capitalismo que nos mentiu a todos. Nós aquí tamén loitamos contra o comunismo, e rematamos pasando directamente del ó capitalismo e á democracia. Mais, que conseguimos? un capitalismo que nos devoraba. Nós non tivemos tempo de facernos ricos entre medias, coma vós. Para nós a democracia é algo novo, ó que non nos acostumamos e que, moitas veces, nin é real. Por iso hai moita xente que pensa que non hai solución intermedia, que nada é posible. Por favor, salide á rúa e ensinádelle á xente que é posible cambiar as cousas, a vosa revolución non é un problema só de España, é algo que afecta a toda Europa, e de verdade que lle encenderiades o corazón e lle dariades ánimos as todas estas persoas desilusionadas que, coa vosa axuda, conseguirían levantar por fin o ollar."

Esperemos que estas non sexan as últimas novas desde a praza

No hay comentarios:

Publicar un comentario