viernes, 10 de diciembre de 2010

Primeira misiva dende as beiras do Moldava


Sei que sempre falei en flashbacks. Será, supoño, deformación profesional, mais nunca fun quen de contar unha historia como dios manda, de principio a fin, sen interrupcións. Sempre teño que volver atrás, a algún punto esquecido da historia. Co cal os meus “relatos” acaban parecendo máis un bucle caótico de palabras que un enunciado con xeito. Certo é que son ben desordenada, supoño que iso tamén se nota á hora de organizar palabras.

Así que isto empezará sendo unha recopilación de historias xa vividas, un caixón desastre do que irei sacando aleatoriamente anécdotas, impresións apuntadas en servilletas, anacos escritos do caderno... E digo empezará porque agardo meter en cintura algún día as palabras que me exceden (meter en cintura, curiosa expresión. Non me gusta a idea de asfixiar palabras, quédome coa metáfora visual do corpo. Quero que os meus textos teñan curvas coma as mulleres de verdade). Mais levarame tempo abandonar os flashbacks e escribir en presente todos os fotogramas que me suceden este ano.

Porque si, o caso é que este ano estou de Erasmus. E tiven a sorte de aterrar nunha das ciudades máis incribles de Europa: Praga, a Compostela centroeuropea (ó igual que Santiago, Praga tamén é máxica e engaiolante). A cada rúa unha sorpresa, un recuncho novo que fai abrir os ollos moito e sorrir á máxima apertura. A cada día unha experiencia, resultado do cóctel explosivo de novas xentes, novos ambientes, novas historias. A cada mes un crecemento interior que vai desbordando a pel a través dos poros. Por iso me “sobran” tantas palabras, e por iso me vexo na necesidade de fixalas en papel (ou tinta electrónica, cousas da modernidade) antes de que morran despronunciadas no aire. Ás veces síntome unha Rosalía desnortada, e quizais o meu amor a ela foi o que me levou a comezar o meu propio "En las orillas del Sar".

Sempre fun de engancharme tarde ás modas, e isto do blog píllame un pouco en cueiros. Tamén é certo que xa eran horas de ir empezando, con 3 meses praguenses que levo á espalda.  Digamos que necesitaba un pequeno empurrón, e unha man amiga que me enchera de ánimos (gracias, cousiña). Irei alternando galego e castelán nas entradas (non, tranquilos: o Erasmus non me fixo adherirme a ningún grupo estraño deses que “florecen” tanto nestes días por desgracia); é que hai xente por estes lares que sei que me quere ler, e o Google Translate é unha solución un tanto incordiosa (inda que ás veces ben útil. xa falarei diso). E dito isto, penso que non me queda máis nada no tinteiro...

queda aberta a caixa de Pandora.
http://www.youtube.com/watch?v=VTrFo1EguzU

2 comentarios:

  1. por mi parte puedes escribir en gallego. casi lo entiendo todo y suena más poético que el castelán =)

    ResponderEliminar
  2. lereite encantado, vereite pronto! a contar os dias rula

    ResponderEliminar